07 dezembro 2010

Educación ambiental en extinción



O recorte do 33% nas partidas verdes deixa o sector con "cero euros", provocando o freo de proxectos, a desaparición de firmas e o posible peche de centros de visitantes de parques naturais como o de Corrubedo
R. FERNÁNDEZ SANTIAGO Galicia Hoxe 06-12-10


A educación ambiental en Galicia está en perigo de extinción. Á marxinación histórica deste sector por parte das administracións públicas súmase agora un recorte orzamentario nas políticas "verdes" dun 33% para o vindeiro ano, partida xa de por si reducida que contempla "cero euros" para a educación ambiental. Unha situación que derivará non só na conxelación dos proxectos e iniciativas postas en marcha, senón nun retroceso destes. Así o denuncia a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), que acaba de poñer en marcha un manifesto de apoio ó sector para evitar que todo o conseguido nas últimas tres décadas caia en saco roto.
"A tradicionalmente precaria situación da Educación Ambiental na nosa comunidade está a vivir un importante retroceso: recortes en actividades e recursos, peche e infrautilización de equipamentos públicos, despedimentos e peche de empresas, dilapidación de recursos...", explica Miguel Pardellas, integrante da SGEA. Non é unha afirmación gratuíta, senón unha conclusión extraída da análise feita por representantes de equipamentos e empresas de educación ambiental, profesorado, concellos e grupos ecoloxistas reunidos a fin de semana pasada en Compostela no marco do XII Encontro da SGEA. A principal preo- cupación do sector está no recorte de actividades e recursos derivado da caída dos orzamentos, que mesmo provoca a supresión das escasas convocatorias de axudas públicas. Esta falta de apoio económico leva a que moitas empresas se vexan abocadas a deter a súa actividade, mesmo contemplando un posible peche nun futuro non moi afastado. O primeiro paso é o despedimento duns traballadores que xa de por si sofren unhas condicións precarias, nun sector caracterizado pola alta temporalidade. A caída do emprego non afectará só ó sector privado. Segundo a análise da SGEA, son varios os organismos autonómicos que contaban con persoal dedicado a labores de educación e información ambiental que xa reduciron o seu persoal, algo que, previsiblemente, seguirán facendo nos próximos meses.

O persoal de centros de interpretación e aulas de natureza pública tampouco están libres de sufrir recortes. Ambos os dous equipamentos son xestionados por empresas privados a través de contratos plurianuais coa Xunta. Mais, segundo denuncia a SGEA, nestes momentos varios destes centros remataron o seu período contractual ou están a piques de facelo sen que estean publicados concursos para o establecemento de novos contratos de xestión. A falta de medios podería levar ó seu peche ou á infrautilización dos equipamentos. Nesta situación atópase o centro de visitantes do parque natural ó que acode máis xente cada ano: o de Corrubedo. O problema é serio, xa que a fráxil infraestrutura da rede de parques naturais galegos quedará gravemente tocada se os preto de 300.000 visitantes que recibe cada ano a Casa da Costa quedan sen a información para aproveitar ó máximo o patrimonio do parque situado en Ribeira, que vai máis alá das impresionantes montañas de area.

Xunto cos prexuízos económicos, a parte educativa tamén quedará seriamente tocada. De feito, a decrecente presenza da educación ambiental nos contidos do currículo escolar e na formación do profesorado acentuarase coa redución de programas ligados ó medio. "Os poucos proxectos que sobreviven fano cada vez con menos recursos e, como consecuencia dos recortes, esta situación non pode ser compensada por actividades impulsadas por actores externos como asociacións ou concellos", explica Pardellas. Este parón provocará, ademais, que a posta en marcha dunha nova Estratexia de Educación Ambiental quede aparcada. A nova redacción deste documento -en substitución da aprobada en 2000- era un compromiso adquirido pola Xunta, que debía tomar como documento base a diagnose do sector recollida no Proxecto Fénix, unha iniciativa coor- dinada pola SGEA na que se daba conta da existencia en Galicia de iniciativas e profesionais relacionados co medio punteiros no Estado pero desaproveitados. Tras a súa presentación no verán, a SGEA puxo en marcha a segunda fase do proxecto: a elaboración dun mapa de recursos, traballo tamén concluído e que, como a elaboración do documento marco, quedará no caixón."Estase aproveitando a escusa da crise e dos recortes orzamentarios para evitar dinamizar un ámbito no que non se cre, como é o da educación ambiental", denuncia Pardellas.

Cun panorama tan negro por diante, a SGEA decidiu poñer en marcha o manifesto Non á desaparición da educación ambiental en Galicia, ó que se pode adherir a través da web da SGEA (www.sgea.es). O obxectivo non é outro que o de demostrar a importancia da educación ambiental, especialmente agora no que Galicia está a vivir unha proliferación de normas ambientais -con diversos plans que ordenan o territorio (Plan do litoral, Lei do solo, Directrices de Ordenación do Territorio...), a xestión dos residuos ou a mobilidade-. "A educación ambiental convértese na mellor ferramenta para lograr que estas políticas cheguen a bo porto", afirma Pardellas, quen insiste na necesidade da participación cidadá. Por iso, e ademais de reclamar un maior apoio da Administración cara este sector -a través dunha maior aposta económica e educativa-, a SGEA recorda que a verdadeira crise actual é a ambiental, de aí a necesidade de potenciar instrumentos sociais como a educación ambiental.

03 dezembro 2010

ESTACIA DE FADEMGA




Os próximos días 3,4,5,6,7e 8 de decembro van estar disfrutando das instalacións de Alvarella e das súas actividades os chicos e chicas de FADEMGA.! Que o pasedes ben ¡