25 junho 2009

PRESENTACION DA ECOETIQUETA AOS MEDIOS


Ana Villaverde, Daniel Beiras e Loli Rodriguez no acto da presentación

NOTA DE PRENSA


O pasado martes 23 de Xuño, ás 12 da mañá, tivo lugar o acto de presentación do Otorgamento da Ecoetiqueta Europea, Etiqueta Ecolóxica Comunitaria á Entidade Alvarella Ecoturismo S.L., correspondente á categoría de servicios de aloxamento turístico. É a primeira Etiqueta Ecolóxica que se concede en Galicia a un aloxamento turístico e a primeira que se concede en España a un albergue turístico
Asistiron ao acto, ademais dos xerentes, equipo directivo e arquitectos, un representante da Secretaría Xeral para o Turismo Santiago Bacariza, Xefe de Area de Turgalicia e polo Instituto Enexético de Galicia Antonio Dorado Asimesmo diferentes personalidades do ámbito universitario, da Educación Ambiental e do Turismo.

Polo Equipamento de Alvarella, para facer actividades de Educación Ambiental e para a Sostibilidade sobre o Bosque, a Enerxía, Residuos, Consumo Responsable,... pasan mais de 3.000 persoas ao ano procedentes entre outros, de Centros Educativos públicos e privados de Galicia, Concellos, turismo en xeral etc.
Está rexistrada como Entidade de Educación Ambiental na Sección 1, folio 81 no Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental de Galicia. Consellería de Medioambiente. 11 Xaneiro 006.
Rexistrada o 20 de Maio de 2003 no rexistro de instalacións xuvenís da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, con nº rexistro 15-GE-02
Recoñecida polo CENEAM como Equipamento de Educación Ambiental. Ministerio de Medioambiente. 2006
Ademais Alvarela foi o 3º Premio Galicia á Pequena e Mediana Empresa Sostible 2008, concedido pola Consellería de Medioambiente.

19 junho 2009

QUE É ALVARELLA?


1.- PRESENTACIÓN
ALVARELLA ECOTURISMO S.L. é a empresa que xestiona un albergue turístico rural “ALVARELLA”, que dispón de 68 prazas, sito a 5 Km de Pontedeume, no concello de Vilarmaior (A Coruña), nas cercanías do Parque Natural das Fragas do Eume..
Dito albergue é un Equipamento de Educación Ambiental recoñecido polo Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM)-Ministerio de Medioambiente, Aula de Natureza e Entidadade de Educación Ambiental (Xunta de Galicia). Durante todo o ano, acoden grupos procedentes de Centros Educativos, Concellos, Asociacións e turismo rural convencional.
Desenvolvemos actividades de Educación Ambiental, que versan sobre catro grandes temas: O Bosque (Fragas do Eume), a Auga, a Enerxía e o Patrimonio Cultural.
Dispoñemos dun edificio deseñado con criterios de Bioconstrucción e Bioclimático, onde se pretende “vivir” a Educación Ambiental participando dun uso racional da auga e da enerxía e implicar así a todo tipo de colectivos que pasan por Alvarella nun Proxecto de Desenvolvemento Sostible.
Recentemente fomos galardonados co 3ª Premio Galicia 2008 “ás PEMES galegas sostibles” que concede a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e no mes de marzo deste ano foinos outorgada a Etiqueta Ecolóxica Europea

2.- INSTALACIÓNS
A instalación consta de dúas partes: unha casa de estilo racionalista proxectada a principios dos anos 40 polo arquitecto coruñés Antonio Tenreiro, que mantivo a súa estrutura inalterada durante a restauración posterior, xunto a ela conservouse un alpendre e un hórreo, tamén restaurados que forman a parte máis antiga do equipamento. Deseñada polo arquitecto Daniel Beiras García-Sabell coa colaboracion de David Estany da Oficina Galega de Proxectos Arquitectónicos S.L. levántase a nova construción, de planta baixa, en conxunción directa coa paisaxe e dunha maneira lineal, relacionada en perspectiva horizontal coa parte máis antiga.

A finca “Alvarella” , orientada cara ó sur, ten unha superficie aproximada de 50.000 m²., adicada a diversos usos: labradío, prados, hortas e unha parte de bosque, que se está sometendo a un proceso de recuperación da arboreda, eliminando especies foráneas (eucaliptos) e plantando especies caducifolias autóctonas, deste xeito recuperáronse desde 1.997 uns 15.000 m².
En canto ás edificacións vellas as actuacións sobre elas consistiron en reconstruír a cuberta e o interior da casa de pedra, respectando na súa maior parte as divisións existentes. Habilítanse nela catro habitacións dobres con baño, unha sala de estar, un pequeno comedor e unha oficina-recepción. Debido á necesidade de ampliar o número de prazas existentes para a estadía no albergue proxectouse a construción dunha nova edificación, axustándose a criterios con menor impacto ambiental e de integración no entorno, reducción ó mínimo do volume edificado e ser bioclimática e medioambientalmente sostible. Desta forma construíronse dous módulos de seis habitacións cada un, unha cociña e un comedor (utilizado tamén como sala de usos múltiples ou aula). A tipoloxía das novas habitacións é de dormitorios colectivos para pequenos grupos (4 ou 5 persoas) con baño incorporado. Existen tamén zonas comúns de traballo e esparcimento como son: piscina, pista deportiva, zonas verdes, aparcamento, zona de xogos, etc., que completan as instalacións.
As propias edificacións serven de exemplo de instalacións sostibles, demostración de diferentes solucións repectuosas coa Natureza. E xa no ano 2007 o Colexio de Arquitectos de Galicia na celebración do Día Mundial da Arquictectura que abogaba por edificios de “emisión cero” simbolizou o proxecto de Alvarella como como edificio modelo.
Pretendemos que o propio equipamento servira en si mesmo como modelo e recurso para determinadas actividades, un “pequeno centro interpretativo” sobre a integración harmónica no medio, a orientación , as enerxías renovables e xestión enerxética, a xestión das augas e residuos, ou uso de materiais para unha construcción bioclimática, etc
Alvarella dispón, polo tanto, dunhas instalacións deseñadas ó servicio da Educación Ambiental e deste modo o equipamento deséñase cun enfoque medioambiental co propósito de alcanzar unha construcción de características
biosostibles, moi próximo ós parámetros establecidos polo método francés ACM (Haute Qualité Environnementale) :
v Relación harmoniosa do edificio co seu entorno, planta baixa con un escaso impacto visual e orientado ó sur co ánimo de aproveitar a arquitectura solar pasiva
v Ocos acristalados cara a fachada sur, teitos ventilados e pérgola cuberta de caducifolias para regular a temperatura e insolación no interior.
v Muros de termoarxila e dobre pel de madeiras do país tratadas e cal hidráulica (fachada sur).
v Uso de pinturas minerais e conservación das madeiras mediante “lasur” (resinas acrílicas sobre base acuosas).
v Pavimentos de linóleo.
v Griferías economizadoras de auga e enerxía.
v Tuberías de distribución de auga de polipropileno.
v Instalación solar térmica para o quentamento de auga para uso sanitario e apoio á calefacción por chan radiante.
v Instalación eólica-fotovoltaica (4kv) para cubrir parte do consumo eléctrico.
v Canalización e tratamento diferenciado de augas grises e negras.
v Depuradora aerobia de oxidación total para a reciclaxe de augas negras.
v Recollida selectiva de lixo para a súa reciclaxe no propio albergue, coa compostaxe..
Trátase dunha experiencia imnovadora, pois non existe en Galicia ningún equipamento privado destas características e dimensións. Alvarella non é só un aloxamento, é tamén un centro de aprendizaxe ou de iniciación na cultura ambiental e un centro de prácticas do ecoturismo. Detrás do seu programa funcional hai unha iniciativa claramente intencionada, que é a participación do visitante na conservación e coñeceento do medio, que non queda xa reducido ós aspectos físico-naturais, senón que abrangue tamén aspectos históricos, artísticos, sociais, económicos e técnicos.

15 junho 2009

A ETIQUETA ECOLÓXICA EUROPEA (EEE) PARA ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS

Desde 1992, a Etiqueta Ecolóxica Europea (EEE) distingue aos produtos máis amigables co medio ambiente, o que permite aos consumidores europeos identificar produtos "verdes" certificados oficialmente na Unión Europea, e aos fabricantes mostrar e comunicar aos seus clientes que os seus produtos respectan o medio ambiente. Trátase dunha etiqueta pública, compatible con outros sistemas nacionais de etiquetaxe ecolóxica e que é válida e recoñecida en todos os Estados Membros da Unión Europea, con independencia de cal sexa Estado no que se obtivo. O obxectivo xeral da EEE é promover produtos que poden reducir os efectos ambientais adversos, en comparación con outros produtos da mesma categoría, contribuíndo así a un uso eficaz dos recursos e a un elevado nivel de protección do medio ambiente. A EEE concédese a aqueles produtos (coa excepción de alimentos, bebidas e medicamentos) que teñan unha menor incidencia sobre o medio ambiente, sempre sobre a base duns criterios ecolóxicos establecidos con anterioridade
A ECOETIQUETA EUROPEA PARA ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS
Máis que calquera outro tipo de desenvolvemento, o turismo necesita un medioambiente protexido. O sector do turismo representa o 5% do PIB da Unión Europea e conta con máis de medio millón de aloxamentos turísticos. Desde refuxios de montañas ata grandes cadeas de hoteis, estes aloxamentos son variados pero tanto profesionais do turismo como turistas se mostran cada vez máis sensibles aos impactos negativos que poden causar ao medioambiente.
A miúdo situados en sitios agradables pero fráxiles, os aloxamentos turísticos afectan aos recursos naturais locais de auga e enerxía, e poden alterar seriamente a biodiversidade sen unha boa xestión dos residuos. As cada vez máis numerosas normas, a conciencia crecente sobre os problemas do medioambiente, a necesidade dos profesionais de diferenciar os seus produtos dos da competencia. Todo xoga un papel a favor da eco-etiqueta europea para os servizos de aloxamento turístico. A etiqueta ecolóxica europea é o único signo de calidade ambiental certificado por un organismo independente e avalado en toda Europa, constitúe unha oportunidade única de responder ás expectativas dos seus clientes.
Pór a Ecoetiqueta europea nos produtos significa que posúen as seguintes vantaxes:
v Limitan o consumo enerxético
v Limitan o consumo de auga
v Limitan a produción de residuos
v Favorecen o uso de fontes de enerxía e recursos renovables
v Promoven a comunicación e a educación sobre temas ambientais


CRITERIOS DA ECOETIQUETA

Calquera operador de turismo -desde un gran cadea hostaleira ata unha pequena granxa de agroturismo- poden solicitar a Ecoetiqueta Europea. Pero primeiro deben cumprir estritamente uns mínimos estándar en relación ao medio ambiente e a saúde. Estes deben incluír o uso de fontes de enerxía renovables, unha dismunición do consumo de auga e enerxía, medidas para reducir as augas residuais, unha política ambiental establecida, a existencia de áreas para non fumadores, etc. Conseguir a Ecoetiqueta para os servizos de aloxamento turístico require dun esforzo extra pero tamén proporciona un valor engadido. Axuda a identificar e afrontar as debilidades ecolóxicas e económicas do negocio: á vez que p.ex. redúcese o consumo de auga e de enerxía, obtense un beneficio económico e ecolóxico.

Criterios ecolóxicos obrigatorios

Economía da enerxía
v 22% da electricidade (para consumo xeral e calecfación) procederá de fontes de enerxía reno-vables
v Non utilizar gasoil cuxo contido de xofre > 0,2% nin carbón como fonte de enerxía.
v Rendemento da caldeira > 90% medido conforme á Directiva 92/42/CEE.
v Aire acondicionado cunha eficiencia enerxética de clase B definida na Directiva 2002/31/CE.
v Entre o 60% e o 80% de bombillas de eficiencia A conforme a Directiva 98/11/CEE
v Illamento térmico e acústico das fiestras.
v Saunas cun mando temporizador.

Economía da auga

v Caudal de auga de billas e duchas < 12 L/minuto.
v Non máis de 5 cisternas funcionando á vez.
v Sabas e toallas cambiadas a petición do cliente ou unha ou dúas veces por semana (segundo a categoría do aloxamento).
v Rega de plantas e xardíns despois do atardecer ou antes do mediodía.
v Trataranse todas as augas residuais.
v Aplicarase o plan local de augas residuais.
v Só se utilizarán desinfectantes se é necesario para cumprir os requisitos legais de hixiene.

Xestión

v Sección para non fumadores nas áreas comúns.
v Bo mantemento e revisión do equipamento.
v Elaboración dunha política ambiental e dun plan de actuación detallado para aplicala.
v Formación do persoal para garantir a aplicación das medidas ambientais.
v Información aos clientes sobre a política ambiental, as medidas tomadas e a eco-etiqueta ecolóxica.
v Procedementos de recollida e control de datos (consumo de enerxía, de electricidade, de auga, de produtos químicos e de residuos).

Redución de residuos

v Facilitar a clasificación dos residuos para os clientes.
v Clasificación dos residuos perigosos (enumerados na Decisión 2000/532/CE) polo persoal.
v Residuos clasificados e transportados ao lugar adecuado procurando que sexa o máis próximo posible (se procede).
v Non se utilizarán produtos desechables (xabón, champú, gorros de ducha, cuncas, pratos e cubertos...)

Información aos clientes

v Pechar as fiestras cando a calefacción ou o aire acondicionado estean en funcionamento se non se desconectan automaticamente.
v Apagar as luces antes de abandonar a habitación.
v Instrucións sobre o aforro de auga no cuarto de baño.
v Depositar os residuos na papeleira dos aseos.
v Informar ao persoal se se atopan fugas.
v Información sobre o transporte público local

Texto que deberá aparecer sobre a eco-etiqueta:

v Medidas tomadas para aforrar enerxía e auga
v Medidas tomadas para reducir a cantidade de residuos.
v Mellora xeral do medioambiente.

Criterios Ecolóxicos opcionais (Sistema de Puntos)

Os 37 criterios obrigatorios descritos arriba débense cumprir se se poden aplicar á situación. Outra serie de 47 criterios opcionais foron enumerados cun sistema de puntos. Débese conseguir un resultado mínimo de 16,5 puntos en criterios opcionais sobre un total posible de 77 puntos.
A presente ficha de síntese ten como finalidade fornecer unha información de carácter xeral. Se desexa recibir unha información máis detallada sobre os criterios ou saber con quen contactar no seu país para a obtención da eco-etiqueta, consulte a seguinte páxina Internet:

ttp://europa.eu.int/ecolabel FONTE: http://www.eco-label.com/spanish/

12 junho 2009

PRESENTACION A ECOETIQUETA EUROPEA


O vindeiro martes 23 de Xuño, ás 12 da mañá, terá lugar o acto de presentación do Otorgamento da Ecoetiqueta Europea, Etiqueta Ecolóxica Comunitaria á Entidade Alvarella Ecoturismo S.L., correspondente á categoría de servicios de aloxamento turístico.
Asistirán ó acto, ademais dos xerentes, equipo directivo e arquitectos, representantes da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral para o Turismo, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Consellería de Medioambiente e Instituto Enerxético de Galicia). Asimesmo están convidadas diferentes personalidades do ámbito universitario, da Educación Ambiental e do Turismo.
Dada a importancia do acto (é a primeira Etiqueta Ecolóxica que se concede en Galicia a un aloxamento turístico e a primeira que se concede en España a un albergue turístico), agradecemos que nos confirmedes o antes posible a vosa asistencia como medio de comunicación para a roda de prensa nese acto, así como a persoa de contacto.
Un saúdo.
Alvarella. http://www.alvarella.com/ info@alvarella.com 981-784563 636-395-782 Dolores Rodríguez