30 janeiro 2009

TEXTO LEIDO POR ANA VILLAVERDE NA RECOLLIDA DO PREMIO


Cando alguén me pregunta que é Alvarella, adoito contar que hai tempo, había unha finca de uso agrícola e forestal no lugar de Vilarmaior-A Coruña, coa que a poboacion local tiña unha relación especial, de maneira que Alvarella era un pouco de todos.
Pasaron os anos,Alvarella foi mermando no seu uso e os seus herdeiros quixeron facer, ó abrigo dos recordos, un lugar que poidera disfrutar moita xente e que dera testemuña de que o uso dun espazo non ten porque degradalo.
Puxéronse mans a obra: traballáronse criterios de bioconstrucción e bioclimática no albergue, apostouse por unha instalación solar-térmica para ser o menos dependentes posible doutras enerxías mais contaminantes, planificouse a recollida selectiva dos residuos, instalouse o aeroxenerador, as placas fotovoltaicas e coidouse a contaminación lumínica cun sistema de farolas cubertas. A estas alturas a espiral da coherencia nos tiña atrapados. Chegoulle entón o turno ó proxecto educativo, amalgama de recursos, pero tamen de intencións e de maneiras de facer.
Ben, aqui estamos, van alá 8 anos que Alvarella botou a andar como un proxecto que gostaba de achegar, ensinar e preservar o noso patrimonio natural e cultural.
Foron necesarias moitas doses de coherencia, esforzo e entusiasmo, e foron tamén moitas e moi distintas as mans que lle deron forma para convertir un proxecto de traballo no que hoxe é, para cada un de nós, UN PROXECTO DE VIDA.
Dende Alvarella queremos agradecer á Consellería de M. A. e D. S. este premio que ,lonxe de pechar un proceso ,nos anima a seguir traballando por un cambio de actitudes, que fagan do mundo un sitio habitable para as xeración vindeiras.
Agradecemos tamén, a tódalas persoas que ocuparon un oco neste tempo, por pequeno que fora, e que souberon sumar emocións a este proxecto.
A todos os que nalgún momento formaron parte do equipo Alvarella, cimentando o traballo dos que agora estamos e dos que están por chegar.
As familias, que cada ano se despiden prometendo voltar, ainda que non sempre sexa posible. Ós cativos e non tan cativos que a milleiros nos visitan e que nos cargan de enerxía coa súa curiosidade. Ós docentes, que a pesar das dificultades fan o esforzo de traballar o antes, o durante e o despóis con nos. E sobre todo a aqueles que cada ano nos renovan a súa confianza, compartindo con nós os ingredientes desta pócima de esperanza e futuro, argallando con palabras agasallos coma este, que hoxe queremos compartir con vós:

Marchamos por catro días

pero mesmo parecera

que, vendo as nosas maletas,

marchamos a vida enteira

Alvarella está a agardar
alí a nosa presenza
e algúns teranse que armar,
unha vez máis de paciencia

Achegados ate o entorno
presentarnos o primeiro,
xa na seguinte parada
o mosteiro de Caaveiro.

Vemos fentos case únicos
e unha fonte que anima
a valorar a riqueza
que xenera este microclima

Abelairas, rascacús,
moitos carballos, salgueiros,
auga abondosa no rio
pra beber os ameneiros.

Ponte colgante no rio,
compre cruzar a outra beira
por ver restos de curripas:
almacén da castañeira.

De novo para o autobús,
o Eume vemos marchar
e busca a pouca distancia
bicar e abrazar o mar.

E xa, por fin, Alvarella.
¡A brincar o corazón!
Xa sabemos en que casa
temos habitación.

Duchas. Cea. Nerviosismo.
Ninguén de nós ten parada,
e disfrutamos con xogos
nunha primeira velada.

Outro obradoiro agarda
nesta fermosa paisaxe,
reciclaxe de residuos
e o consumo responsable.

Outro almorzo moi, moi rico.
Saimos todos contentos,
en dous grupos diferentes,
a facer os papaventos.

E xa nos dí o día 9
que é tempo de recordar
que esta experiencia vivida
vaise ter que rematar

Sentimos este momento
con sensación diferente,
é seguro que, para sempre,
Alvarella estará presente.

Tan só pasou media hora
e rematou o camiño,
retornamos á rutina
con mil mostras de cariño

Non está todo o vivido,
máis o que está sucedeu.
Como testemuña asino:
Ricardo Seixo, son eu.

( un profesor de 6º curso do colexio Isaac Diaz Pardo)
GRACIAS

28 janeiro 2009

Alvarella logra o galardón á ‘peme’ máis sostible


MEDIO AMBIENTE RECOÑÉCEA CO TERCEIRO PREMIO

25.01.2009 Situado a só un paso das Fragas do Eume, erguido sobre un socalco e oculto baixo as árbores, o albergue preséntase como o mellor observatorio da natureza. Concibido como un centro de aprendizaxe ambiental, Alvarella incorpora solucións construtivas bioclimáticas nos que divulga actividades para coñecer un pouco máis o noso medio

REBECA FERNÁNDEZ
Publicado en Galicia Hoxe

A un só paso do Parque Natural das Fragas do Eume, erguido sobre un socalco, e oculto baixo as árbores, o albergue Alvarella convértese no mellor observatorio da natureza. Concibido como un aloxamento ambiental construído con materiais bioclimáticos, a súa actividade céntrase na divulgación de actividades de educación relacionadas co Parque Natural, o patrimonio histórico eumés, as enerxías renovables, o litoral Atlántico ou a reciclaxe a través de actividades naturais como rutas de sendeirismo, descenso en piragua ou cursos de agricultura ecolóxica. Un labor que acaba de ser recoñecido pola Consellería de Medio Ambiente co terceiro premio á Pequena e Mediana Empresa Sostible, cuxo máximo galardón foi parar nesta edición á empresa Obras Civiles del Atlántico SLU.
Esta preocupación polo medio pálpase dende a propia concepción das instalacións: un edificio bioclimático rodeado por 50.000 metros cadrados de parcela. O albergue, destinado para os máis pequenos, conta con 12 cuartos de 2-5 prazas e persegue os principios da sustentabilidade, polo que emprega materiais naturais e de procedencia local, renovables, reutilizables e reciclables para para reducir o impacto sobre o medio natural. Ademais, á hora de poñelo en pé tívose en conta a morfoloxía do lugar, integrándoo harmónicamente no medio e orientándoo cara ó sur para aproveitar mellor a luz e a calor, co obxectivo final de lograr a eficiencia enerxética. Dentro desta concepción biosustentable, o centro contra cun programa de tratamento dos residuos, ademais de xestionar racionalmente auga e luz.
Enerxía, auga, residuos, consumo e alimentación, bioconstrución, patrimonio cultural, bosque, litoral, agricultura ecolóxica, plantas aromáticas e solo son as oito áreas nas que se de-senvolven actividades e obradoiros cos que concienciar ós máis pequenos da necesidade de asumir posturas respectuosas co medio e desenvolver hábitos de conduta que axuden a minimizar a presión contaminante. Iniciativas que se complementan cunha serie de actividades ó aire libre como rutas de sendeirismo e en bici, xogos tradicionais, ou a exploración das Fragas. Unha oferta completa da que se pode gozar todos os días do ano nunhas instalacións en perfecta harmonía coa contorna
Publicado en Galicia Hoxe 25-01-09
A nosa empresa ven de recibir o 3º premio "PREMIOS GALICIA Á PEQUENA E MEDIANA EMPRESA SOSTIBLE 2008" Concedido pola Conselleria de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.