17 fevereiro 2009

ACABAMOS DE RECIBIR O CERTIFICADO "ABERTOS AO GALGO"


Que é o certificado Abertos ao Galego?
Abertos ao Galego é un certificado que se concede, en diferentes niveis, ás empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do galego.

Cal é a validez do certificado Abertos ao Galego?
O certificado concédese cunha validez anual. Ao longo deste tempo, avaliarase de novo o cumprimento das condicións para ver en cal dos catros graos do certificado se encontra a entidade que o ostenta.
Abertos ao Galego é compatíbel con outros certificados públicos agora mesmo xa existentes, por exemplo para o sector comercial.

Quen se encarga do seguimento e avaliación?
A Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza, con máis de vinte anos de historia ininterrompida, é a responsábel do seguimento, promoción e avaliación do certificado. Ademais, A Mesa conta co apoio da Consellaría de Innovación e Industria do Goberno galego.

Cales son as vantaxes das empresas ou asociacións que conten co certificado Abertos ao Galego?
- Unha moi importante difusión publicitaria:
a. Figurarán no catálogo en papel (editado anualmente), que se distribuirá masivamente por toda Galiza.
b. Figurarán no catálogo web (actualizado permanentemente na páxina http://www.amesanl.org/).
c. Poderán participar nos actos comarcais e nacionais que se realizarán cada ano para as entidades que ostenten o certificado e que terán difusión mediática.
- Poderán acceder a descontos publicitarios en medios de comunicación que colaboraren co proxecto.
- Poderán utilizar o distintivo do certificado alí onde o consideraren oportuno (A Mesa entregará os distintivos correspondentes).
- Conseguirán un impulso ao uso da lingua que nos une como galegos e como galegas, participando dunha ampla rede social.

Cales son os diferentes niveis do certificado?

NIVEL UN
Adoptaron e están a desenvolver medidas para a normalización do galego. No caso das empresas, estabelecerase como mínimo para este nivel o uso non deturpado da toponimia.
No caso das organizacións, o estabelecemento de medidas para o uso do galego será suficiente para este nivel, malia que tales medidas aínda non se concretasen.

NIVEL DOUS
Empresas e entidades que ofrecen toda a súa información exterior en galego.
No caso de facer uso tamén doutros idiomas, o galego será a lingua de opción positiva e que apareza salientada ou en primeiro lugar.

NIVEL TRES
Ofrecen toda a información exterior en galego e, ademais, utilízano como lingua interna de traballo: nóminas, xestións administrativas, contabilidade etc.

NIVEL CATRO
Ademais de realizaren un uso sistemático do galego tanto interna como externamente, solicitan a información e a documentación en galego a provedores e administracións.
Son entidades e empresas que dinamizan de xeito especial o uso e a extensión social do galego.




Cales son as cotas para poder ostentar o certificado?

A base é de 30 € / ano, ao que se acrecentarán 3 € / ano por cada traballador ou traballadora.

As empresas ou entidades con varias sedes ou locais contabilizaranse de xeito diferenciado segundo cada un dos enderezos, xa que nas guías tamén aparecerán separadamente.


Cal é o destino do diñeiro recadado nas cotas?

Todas as cotas recadadas irán destinadas integramente á xestión e ao desenvolvemento do propio proxecto do certificado (edición de folletos, catálogos, mantemento da páxina web etc) e ao obxectivo de promover a extensión do uso do galego no ámbito socioeconómico.