24 outubro 2010

A FEG SOLICITA A INTERVENCIÓN DO FISCAL DE MEDIO AMBIENTE PARA PROTEXER A SERRA DO CAREÓN

Pídenlle que investigue a permisividade da administración coas destrucións
de hábitats o e o proxecto de autovia A-54

Nas pasadas semanas, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) mantivo unha
entrevista co Fiscal de Medio Ambiente de Galiza, Álvaro García-Ortiz, e
entregoulle dous escritos solicitando a súa intervención perante o
gravísimo estado de deterioramento dos hábitats do LIC Serra do Careón,
que podería empeorar co proxecto de autovía A-54.

O LIC da Serra do Careón é un dos puntos botánicos de maior interese do
estado español, existindo dentro dos seus límites 6 especies incluídas no
Catálogo Galego de Especies Ameazadas como "En Perigo de Extinción". Tres
delas (Armeria merinoi, Leucanthemum gallaecicum e Santolina melidensis)
teñen na Serra do Careón a súa única localidade mundial.

A declaración desta área como LIC non serviu para frear a súa degradación
e durante a última década, grazas á inacción e deixadez de funcións da
Administración galega (que está obrigada a conservar os LIC) as
matogueiras que acubillan estas especies únicas están a ser destruídas e
transformadas para produción forestal e de pasto. O proceso é aínda máis
grave se consideramos que estas 3 especies únicas só medran sobre un tipo
de rochas (as serpentinas) que en Galiza só se topan no Careón e na Serra
da Capelada.

Ao grave impacto desas transformacións súmase agora o proxecto de autovía
A-54, cuxo trazado, que recibiu este verán o visto bó da Consellaría do
Medio Rural, vai partir o LIC en dous e actuar como barreira para o fluxo
xénico entre as poboacións de plantas ameazadas, favorecendo a súa
desaparición. Esta decisión é contraria un informe da propia Xunta de
Galiza do ano 2006 no que se desaconsellaba totalmente o trazado agora
aceptado, e propúñanse alternativas que non afectaban a este LIC.

A FEG solicita a investigación do Fiscal para determinar se a
Administración Galega puido incurrir en delito dada a súa inacción para
conservar estas especies ameazadas fronte as destrucións dos seus hábitats
e tamén se existen responsabilidades na "luz verde" dada polo Conselleiro
Juárez á autovía A-54.

Sem comentários: