23 junho 2011

A Fundación Galicia Europa organiza unha xornada de difusión da etiqueta ecolóxica comunitaria


•A mesa redonda “Ecolabel: promoción do turismo sustentable” tivo lugar nas instalacións do Albergue Alvarella Ecoturismo, único establecemento galego distinguido con esta marca
• No acto incidiuse na solicitude da Carta Europea de Turismo Sustentable para as Fragas do EumeSantiago, 22 de xuño de 2011.- A Fundación Galicia Europa e o Albergue Alvarella Ecoturismo celebraron esta mañá a xornada “Ecolabel: promoción do turismo sustentable” centrada na divulgación da etiqueta ecolóxica na nosa comunidade. Ao acto asistiron diversos axentes da comarca implicados en programas de desenvolvemento local que apostan pola ecoloxía como liña de traballo para o crecemento económico da zona.


A sesión congregou a máis dunha trintena de axentes implicados en programas de desenvolvemento da comarca eumesa.

A mesa redonda, que tivo lugar nas instalacións de Alvarella, contou con catro relatores que abordaron a “ecolabel” desde distintas perspectivas: Luís Gago, técnico da Fundación Galicia Europa, explicou os “Obxectivos medioambientais comunitarios dentro da Estratexia Europa 2020”; Jorge Gude e Dolores Rodríguez, director e administradora de Alvarella trataron a “Difusión da etiqueta ecolóxica europea en Galicia”; e Miguel Teixido, xerente da Asociación Euroeume, expuxo os proxectos de desenvolvemento local que a súa entidade realiza na comarca.

Foi este último, Miguel Teixido, quen recordou aos asistentes a petición, cursada este ano, da Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) para o Parque Natural das Fragas do Eume. Este distintivo, outorgado pola Federación Europarc, promove o desenvolvemento do turismo respectuoso co medio ambiente nos espazos naturais europeos protexidos como fórmula de crecemento económico.

O resto do coloquio xirou sobre as fórmulas para contrarrestar o escaso coñecemento que existe en Galicia sobre a “ecolabel”, marca europea que distingue a aqueles produtos orixinados cun impacto ambiental reducido. Esta marca, establecida en 1992, premia aos bens ou servizos respectuosos coa natureza. Na actualidade existen 17 categorías que abranguen desde manufacturas textís ata deterxentes ou establecementos, aínda que o distintivo está en continua expansión.

Único establecemento en Galicia

O Albergue Alvarella Ecoturismo, que este ano celebra o seu décimo aniversario, conta co selo da UE na categoría de servizo de aloxamento turístico responsable co medio ambiente. O recoñecemento foille outorgado en marzo de 2009, erixíndose como o único posuídor da marca en Galicia e sumándose á sucinta lista de 10 entidades que gozan da “ecolabel” en España.

As súas instalacións, ubicadas na contorna do Parque Natural das Fragas do Eume, divídense no albergue turístico, consagrado á educación medioambiental, e a casa rural, ideada como lugar de sensibilización sobre o turismo sustentable ademais do propio aloxamento de hóspedes.

En ambas seccións realízanse actividades destinadas a mellorar a concienciación coa natureza a través de rutas de sendeirismo, obradoiros sobre enerxías renovables, reciclaxe de residuos e augas… aproveitando o ámbito privilexiado que as Fragas do Eume e o litoral Atlántico ofrecen.

Ademais, no 2010, Alvarella quedou finalista xunto con outras 12 entidades nun premio convocado pola Comisión Europea que recoñecía ás empresas europeas que mellor difundisen a “ecolabel” e que valoraba a calidade, creatividade e pertinencia das actividades realizadas así como a promoción do logotipo ecolóxico.

© Fundación Galicia Europa

Sem comentários: