19 junho 2009

QUE É ALVARELLA?


1.- PRESENTACIÓN
ALVARELLA ECOTURISMO S.L. é a empresa que xestiona un albergue turístico rural “ALVARELLA”, que dispón de 68 prazas, sito a 5 Km de Pontedeume, no concello de Vilarmaior (A Coruña), nas cercanías do Parque Natural das Fragas do Eume..
Dito albergue é un Equipamento de Educación Ambiental recoñecido polo Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM)-Ministerio de Medioambiente, Aula de Natureza e Entidadade de Educación Ambiental (Xunta de Galicia). Durante todo o ano, acoden grupos procedentes de Centros Educativos, Concellos, Asociacións e turismo rural convencional.
Desenvolvemos actividades de Educación Ambiental, que versan sobre catro grandes temas: O Bosque (Fragas do Eume), a Auga, a Enerxía e o Patrimonio Cultural.
Dispoñemos dun edificio deseñado con criterios de Bioconstrucción e Bioclimático, onde se pretende “vivir” a Educación Ambiental participando dun uso racional da auga e da enerxía e implicar así a todo tipo de colectivos que pasan por Alvarella nun Proxecto de Desenvolvemento Sostible.
Recentemente fomos galardonados co 3ª Premio Galicia 2008 “ás PEMES galegas sostibles” que concede a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e no mes de marzo deste ano foinos outorgada a Etiqueta Ecolóxica Europea

2.- INSTALACIÓNS
A instalación consta de dúas partes: unha casa de estilo racionalista proxectada a principios dos anos 40 polo arquitecto coruñés Antonio Tenreiro, que mantivo a súa estrutura inalterada durante a restauración posterior, xunto a ela conservouse un alpendre e un hórreo, tamén restaurados que forman a parte máis antiga do equipamento. Deseñada polo arquitecto Daniel Beiras García-Sabell coa colaboracion de David Estany da Oficina Galega de Proxectos Arquitectónicos S.L. levántase a nova construción, de planta baixa, en conxunción directa coa paisaxe e dunha maneira lineal, relacionada en perspectiva horizontal coa parte máis antiga.

A finca “Alvarella” , orientada cara ó sur, ten unha superficie aproximada de 50.000 m²., adicada a diversos usos: labradío, prados, hortas e unha parte de bosque, que se está sometendo a un proceso de recuperación da arboreda, eliminando especies foráneas (eucaliptos) e plantando especies caducifolias autóctonas, deste xeito recuperáronse desde 1.997 uns 15.000 m².
En canto ás edificacións vellas as actuacións sobre elas consistiron en reconstruír a cuberta e o interior da casa de pedra, respectando na súa maior parte as divisións existentes. Habilítanse nela catro habitacións dobres con baño, unha sala de estar, un pequeno comedor e unha oficina-recepción. Debido á necesidade de ampliar o número de prazas existentes para a estadía no albergue proxectouse a construción dunha nova edificación, axustándose a criterios con menor impacto ambiental e de integración no entorno, reducción ó mínimo do volume edificado e ser bioclimática e medioambientalmente sostible. Desta forma construíronse dous módulos de seis habitacións cada un, unha cociña e un comedor (utilizado tamén como sala de usos múltiples ou aula). A tipoloxía das novas habitacións é de dormitorios colectivos para pequenos grupos (4 ou 5 persoas) con baño incorporado. Existen tamén zonas comúns de traballo e esparcimento como son: piscina, pista deportiva, zonas verdes, aparcamento, zona de xogos, etc., que completan as instalacións.
As propias edificacións serven de exemplo de instalacións sostibles, demostración de diferentes solucións repectuosas coa Natureza. E xa no ano 2007 o Colexio de Arquitectos de Galicia na celebración do Día Mundial da Arquictectura que abogaba por edificios de “emisión cero” simbolizou o proxecto de Alvarella como como edificio modelo.
Pretendemos que o propio equipamento servira en si mesmo como modelo e recurso para determinadas actividades, un “pequeno centro interpretativo” sobre a integración harmónica no medio, a orientación , as enerxías renovables e xestión enerxética, a xestión das augas e residuos, ou uso de materiais para unha construcción bioclimática, etc
Alvarella dispón, polo tanto, dunhas instalacións deseñadas ó servicio da Educación Ambiental e deste modo o equipamento deséñase cun enfoque medioambiental co propósito de alcanzar unha construcción de características
biosostibles, moi próximo ós parámetros establecidos polo método francés ACM (Haute Qualité Environnementale) :
v Relación harmoniosa do edificio co seu entorno, planta baixa con un escaso impacto visual e orientado ó sur co ánimo de aproveitar a arquitectura solar pasiva
v Ocos acristalados cara a fachada sur, teitos ventilados e pérgola cuberta de caducifolias para regular a temperatura e insolación no interior.
v Muros de termoarxila e dobre pel de madeiras do país tratadas e cal hidráulica (fachada sur).
v Uso de pinturas minerais e conservación das madeiras mediante “lasur” (resinas acrílicas sobre base acuosas).
v Pavimentos de linóleo.
v Griferías economizadoras de auga e enerxía.
v Tuberías de distribución de auga de polipropileno.
v Instalación solar térmica para o quentamento de auga para uso sanitario e apoio á calefacción por chan radiante.
v Instalación eólica-fotovoltaica (4kv) para cubrir parte do consumo eléctrico.
v Canalización e tratamento diferenciado de augas grises e negras.
v Depuradora aerobia de oxidación total para a reciclaxe de augas negras.
v Recollida selectiva de lixo para a súa reciclaxe no propio albergue, coa compostaxe..
Trátase dunha experiencia imnovadora, pois non existe en Galicia ningún equipamento privado destas características e dimensións. Alvarella non é só un aloxamento, é tamén un centro de aprendizaxe ou de iniciación na cultura ambiental e un centro de prácticas do ecoturismo. Detrás do seu programa funcional hai unha iniciativa claramente intencionada, que é a participación do visitante na conservación e coñeceento do medio, que non queda xa reducido ós aspectos físico-naturais, senón que abrangue tamén aspectos históricos, artísticos, sociais, económicos e técnicos.

Sem comentários: