03 abril 2008

O Parque Natural das Fragas do Eume







As Fragas do Eume é un parque natural galego creado no ano 1997 e que abrangue 9.126 ha nas beiras do río Eume, concretamente nos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, todos eles da provincia da Coruña.
Está tamén declarado como Lugar de Importancia Comunitaria, coincidindo os seus límites cos do Parque Natural.
O bosque tradicional atlántico conservouse na zona en todo o seu esplendor, a diferenza doutras rexións totalmente modificadas coas repoboacións feitas con especies foráneas.

Flora
Os bosques de ribeira, dos que as Fragas do Eume son un bo exemplo, son ecosistemas de elevada biodiversidade, particularmente no que respecta á flora. Tradicionalmente foron moi explotados polo home pola riqueza e fertilidade dos solos, e por iso son ecosistemas pouco frecuentes e conservados unicamente en zonas illadas como estas fragas.

Árbores
A árbore con maior presenza no parque natural é o carballo. É o medidor da saúde da fraga: os exemplares máis lonxevos existen nas zonas que sufriron unha menor presión humana (a Fraga do Mosquiteiro ou as fragas que arrodean o río do Dez), e está sendo obxecto de repoboación en zonas fráxiles do parque, onde fora apartado recentemente polo bidueiro.
Tamén ten numerosa presenza no parque o castiñeiro, dominante nalgunhas áreas logo de roubarlle terreo ao carballo grazas a medrar máis rapidamente e prover froitos de consumo humano. O bieiteiro é a terceira das especies maioritarias, e ocupa dous tipos de espazos: áreas tradicionais de bosque de ribeira, e zonas marxinais onde os carballos foron perdendo distribución, e onde medran rapidamente. Nestes espazos están a ser substituídos por carballos por acción conservacionista.
Nas proximidades dos ríos atopamos o ameneiro, que soporta ben as situacións de asolagamento, o salgueiro (con moita menor frecuencia), o freixo e o pradairo. Outras especies arbóreas das fragas son a abeleira, principalmente nas proximidades dos cursos de auga; o cerqueiro, nas zonas altas das fragas de Pena Fesa, Os Cerqueiros (topónimo que reflicte a abundancia desta árbore) e A Marola; o érbedo, o loureiro, e o olmo, frecuente tamén nas proximidades dos ríos, como preto do mosteiro de Caaveiro. Tamén se ten sinalado a presenza do lamigueiro nas fragas, unha especie rara na zona próxima á costa. Finalmente, existe en abundancia o acivro, fundamentalmente como arbusto pero que chega a acadar exemplares de altura e porte, o estripeiro, o abruñeiro, a pereira e a maceira brava, esta última pouco frecuente noutros lugares da provincia da Coruña.

Felgos

Fento (Dryopteris dilatata)
A presenza dunha notable cantidade e variedade de felgos é unha característica destes bosques. Os máis comúns son o Blechnun spicant, a Dryopteris affinis subsp. Affinis, a Dryopteris dilatata, a Dryopteris aemula, o Polypodium interjectum, o Athyrium filix-femina, o Osmunda regalis (ou fento real), o Polystichum setiferum, o Pteridium aquilinum e a Lastraea limbosperma. Tamén se poden atopar especies de gran valor ben pola súa escaseza ou ben por darse lonxe da súa área normal de distribución, coma a Woodwardia radicans, o Asplenium adiantum-nigrum, a Cystopteris diaphana, a Dryopteris guanchica ou a Culcita macrocarpa [3].
Algunhas destas especies están relacionadas cunha antiga vexetación subtropical que poboou as marxes do mar de Tetis na era terciaria. A calor e a humidade permitiron o desenvolvemento dunha exhuberante flora, similar á que na actualidade atopamos no arquipélago novacelandés ou na Florida. Porén, hai dous millóns de anos, os procesos de glaciación nos polos e a desertización nos trópicos foron recurtando a distribución desa flora que, incapaz de adaptarse ós cambios, quedou reducida a zonas pequenas situadas entre os 25º e 40º de latitude: Illas Canarias, Illas Azores e Madeira, e en menor extensión nas serras de Alxeciras en Cádiz ou o Parque Natural das Fragas do Eume.

Musgos e liques
No estrato muscinal está presente case a metade da flora briofítica galega (musgos e hepáticas) particularmente importante nas zonas húmidas e sombrizas, con máis de 220 especies diferentes. Entre elas atópanse catro citas únicas para a brioflora española e sete máis considéranse raras dentro da flora ibérica. Destacan a Cololejeunea microscopica e a Lepidozia cupresana.
A flora liquénica garda tamén un notable catálogo de máis de 240 especies, entre as que figuran tres citas novas para a Europa continental e 24 novas para España. Son características dos bosques maduros outras especies menos raras pero moi ligadas a estes ecosistemas: a Lobaria scrobiculata, a Pannaria rubiginosa e a Usnea articulata.

Anfibios
As fragas, polo seu carácter húmido e sombrizo, son un ambiente idóneo para os anfibios. No Eume viven 13 das 15 especies existentes en Galiza. A píntega é moi frecuente xa que as masas forestais caducifolias son o seu biótopo preferido. Tamén están presentes outras especies coma o sapiño comadrón, o sapo común, a ra patilonga (que vive nos regatos afluentes do Eume na conca baixa, coma o Sesín), e a ra vermella, que é posible atopar nos prados da Serra de Sanguiñedo. Nas pozas estacionais atópanse as tres especies de pintafontes, o común, o palmeado e mailo pintafontes verde, pero é especialmente valiosa a saramaganta (Chiglossa lusitanica), endemismo do noroeste ibérico que mantén nas Fragas unha das súas máis nutridas poboacións.

Aves e mamíferos
Entre as aves da fraga destacan as rapaces que se alimentan de micromamíferos, adaptadas a cazar no interior do bosque: o azor, o lagarteiro, o gabián, o bufo pequeno, a curuxa, o moucho común, a avelaiona, o miñato negro, o real e o abelleiro. En espazos máis abertos habita tamén o falcón peregrino, o miñato común e o bufo real. Entre as pequenas insectívoras destacan o piquelo azul, o gabeador común, o ferreiriño abelleiro, o ferreiriño bacachís, o peto real, o peto verde, a estreliña riscada, a estreliña do norte, o picafollas e maila arcea. Nas ribeiras dos cursos de auga do parque destaca o merlo rieiro e o picapeixe.
Entre os mamíferos destacan a londra, a martaraña, a garduña, o gato montés e a xeneta. Abondan tamén os corzos, os xabarís, os cervos, as donicelas e os teixugos. Tamén existen nas zonas máis elevadas e apartadas dos núcleos de poboamento humanos poboacións de lobo.
Invertebrados

Entre os invertebrados destacan algunhas especies como o caracol de Quimper (Elona quimperiana), terrestre e endémico dos bosques atlánticos, a caramecha de río (Belgrandiella rolanie) a lesma (Geomalacus maculosus). No verán, durante o día, é frecuente observar a bolboreta Apatura iris e pola noite a endromis dos salgueiros (Endromis versicolora). Outros coleópteros destacables son o escaravello Carabus galicianus asociado ós cursos de auga rápidos e limpos, e que é tamén un endemismo do noroeste peninsular, e mais o escaravello dourado (Chrysocarabus lateralis), ben distribuído por todo o territorio das fragas, e a vacaloura ou escornabois (Lucanus cervus), cada vez máis escasa nas fragas galegas.

Presenza humana

Dentro dos límites do parque atópanse numerosas pegadas da actividade humana, como os foios para facer carbón vexetal e grandes troncos cortados a rentes do chan. Tamén hai restos de interese histórico e de arquitectura tradicional, como cruceiros, pontes, ermidas.
Pero como mostras da presenza humana no parque destacan os mosteiros medievais de Monfero e Caaveiro.
O mosteiro de San Xoán de Caaveiro estableceuse no ano 934 nas Fragas do Eume para acoller aos numerosos anacoretas que vivían dispersos na zona. Pronto importantes doazóns de San Rosendo e outros nobres engrandecen o seu patrimonio recibindo este a maior parte das terras cultivables existentes á dereita do río Eume e tamén lle conceden a xurisdición sobre vilas e freguesías eximíndoo da autoridade do arcebispado de Santiago de Compostela. O conxunto foi declarado no ano 1975 monumento histórico-artístico pola súa importancia arquitectónica.
Na actualidade é propiedade da Deputación provincial da Coruña, que iniciou no 2003 a restauración para a posta en valor do conxunto.
Destaca como curiosidade a presenza na zona do oso pardo, actualmente extinguido da xeografía galega, e da aguia real case extinta, na época na que se construiu o mosteiro.
As orixes do mosteiro de Monfero remóntanse ao século X, cando se fundou un cenobio ao pé dunha ermida dedicada a San Marcos. Na actualidade excepto a igrexa o resto de dependencias monacais atópase en estado ruinoso, porén estánse levando a cabo medidas para a súa restauración parcial.
A importancia social destes mosteiros basease no feito de que durante moitos anos serviron de eixo vertebrador da vida económica, social e relixiosa da comarca.



Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Sem comentários: